A investigación
Esta investigación é un primeiro paso para tentar articular a verdadeira escala e valor do sector do deseño en Galicia. Coñecer o peso que o sector ten na economía é complexo debido a carencias existentes que permitan identificar e cuantificar a profesión. Partindo de que a especialidade profesional non está regulada ao completo e que o epígrafe 7410 de Actividades de deseño especializado só existe dende o 2009, medir o uso que as empresas fan do deseño é, se cabe, unha tarefa aínda máis complexa.
A investigación está dividida en 3 bloques principais. O primeiro deles presenta a taxonomía do deseño, que serve como ferramenta para as empresas na identificación de profesionais ou servizos de deseño. O segundo bloque, presenta un breve estudo sobre a economía galega, así como as enquisas e entrevistas realizadas a empresas e profesionais que desenvolven a súa actividade de deseño en Galicia e empresas de diferentes sectores que fan uso do deseño en calquera das súas disciplinas. O terceiro bloque sinala os retos e as oportunidades que quedan por diante e as recomendacións para avaliar a evolución do propio sector e a súa interrelación co resto de sectores económicos.
A análise dos datos recollidos permite facer un primeiro achegamento a diferentes aspectos, como a dimensión do sector, o uso que as empresas galegas fan do deseño ou a importancia de empregar o deseño como unha ferramenta para a mellora da competitividade.
Gráficas
Escaleira do deseño
Escaleira do deseño segundo criterios obxectivos en empresas e comparativa
Para a maior parte das empresas, o deseño é un elemento estratéxico integrado na organización. O 67,7% das empresas deste estudo afirman que están situadas no nivel de maior integración do deseño da Design Ladder. Cando se valora ás empresas en termos obxectivos e medibles (nº de profesionais do deseño no cadro de persoal, existencia dun departamento de deseño, contratación de servizos externos de deseño, cálculo do retorno do investimento en deseño, etc.) esa porcentaxe baixa ata situarse no 35,4%. Segue sendo un dato optimista se se compara cos últimos índice europeos consultados; mais axústase mellor a unha realidade onde a integración do deseño é máis intensa e se potencia a través de plans de mellora da competitividade.
Uso do deseño na empresa
Comparativa da valoración do deseño:
Nivel 1 | Nivel 2 | Nivel 3 | Nivel 4 | |
---|---|---|---|---|
Non deseño | Deseño estilo | Deseño proceso | Deseño estratexia | |
Reino Unido | 56% | 12% | 15% | 17% |
Irlanda | 57% | 14% | 13% | 16% |
España | 47% | 11% | 29% | 13% |
Portugal | 47% | 23% | 19% | 11% |
Francia | 54% | 22% | 15% | 9% |
UE | 56% | 14% | 18% | 12% |
Datos do Innobarometer da Unión Europea, 2016 | ||||
Nivel 1 | Nivel 2 | Nivel 3 | Nivel 4 | |
Galicia | Non deseño | Deseño estilo | Deseño proceso | Deseño estratexia |
Opinión | 9% | 10% | 13% | 68% |
Cálculo | 11,8% | 26% | 26,8% | 35,4% |
Datos deste estudo, 2020 |
Empresas que invisten en deseño
O 66,1% das empresas recoñecen investir en deseño en maior ou menor medida e non sempre se establece ese investimento con respecto á facturación. As pequenas empresas invisten por enriba do 10%, mentres que a maioría das medianas e grandes non superan ese 10%. O 50% de empresas de menos de 3 anos invisten máis do 20% en deseño, considerándoo peza importante na súa primeira etapa de vida, como apoio á súa visibilización e unha mellor introdución no mercado.
Considera que a inversión realizada en deseño pola súa empresa é
O 83,5% das empresas pensan ademais investir en deseño nos vindeiros 3 anos para aumentar as súas vendas, mellorar o seu posicionamento ou comunicarse coa clientela.
Obxectivos da futura inversión en deseño
Servizos de deseño nos que se inviste ou que se contratan
O 61,9% das empresas que contratan servizos de deseño afirman que deseño gráfico e comunicación visual é unha das disciplinas que máis utilizan, o 36,9% destacan o deseño dixital e o 25% o deseño industrial e de produto.
Servizos de deseño que se contratan
Máis do 90% das empresas indican un alto grao de satisfacción cos servizos de deseño contratados e mantense entre un 70 e un 85% nos catro criterios valorados: xestión do proxecto, prazos de execución, honorarios e retorno do investimento.
Grao de satisfacción cos servizos de deseño
Provedores de deseño e criterios de contratación
O 79,8% das empresas galegas prefiren traballar tamén con profesionais de Galicia. As razóns principais que apuntan son «proximidade», «valores da terra», «profesionalidade», «calidade», «confianza» e, nalgúns casos concretos, «porque teñen un maior coñecemento do sector».
Proveedores de deseño
Formación especializada dos e das profesionais do deseño
O 78,2% dos e das profesionais do deseño teñen formación especializada en deseño realizada ademais en centros galegos; polo tanto, exercen a profesión con coñecementos académicos sobre a mesma. O 63,4% teñen unha titulación superior ou grao.
Formación especializada en deseño
Un 62,5% das persoas sen formación especializada en deseño completaron estudos que inclúen o deseño como unha das temáticas do seu programa académico, sen chegar a ser o eixo central. Son principalmente Belas Artes, Publicidade e Relacións Públicas e Arquitectura. E en menor medida, Debuxo, Audiovisuais ou Artes Gráficas.
Sectores cos que traballan as e os profesionais por conta propia
En xeral as e os profesionais por conta propia traballan cun amplo número de empresas pertencentes a diferentes sectores económicos: comercio (un 16,3%), cliente final (o 14,7%), hostalaría (un 11,9%) e a administración pública e actividades profesionais (un 11,3% en ambos casos) son os máis representativos.
Sectores da clientela
De entre todas as disciplinas do deseño identificadas no estudo, a actividade principal que se desenvolve en maior medida é o deseño gráfico e comunicación visual, seguida de lonxe polo deseño de espazos. O 72% das persoas consultadas desenvolven varias disciplinas, entre as que destaca o deseño dixital (59,4%).
Retribución de profesionais por conta allea
O groso do rango salarial de deseñadores e deseñadoras contratadas por conta allea sitúase entre os 14.000 euros e os 36.000 euros, sendo o máis numeroso o de 14.000 euros (Salario Mínimo Interprofesional, situado en 2020 en 13.300 euros brutos, segundo o BOE). A maior parte dos salarios de mulleres están na franxa entre os 14.000 euros e os 24.000 euros; no caso dos homes, o rango maioritario vai ata os 36.000 euros.
Salario anual que percibes
Os salarios superiores a 36.000 euros anuais, correspóndense principalmente con empresas de máis de 250 empregados do sector téxtil, sector madeireiro e audiovisual. Nas pemes e empresas de recente creación, o salario maioritario dun/dunha profesional do deseño é de 14.000 euros; mais conforme aumenta o tamaño da empresa e os anos de permanencia nela, tamén o fai o tipo de retribución, chegando ata os 24.000 e 36.000 euros anuais.