Estudo da Economía do Deseño en Galicia
  • Xunta de Galicia
  • Xacobeo 20/21
  • DAG Asociación Galega de Deseñadores

A que chamamos deseño?

O deseño, a través de ideas e procesos, busca solucionar problemas que poidan mellorar a vida das persoas. Configúrase coma unha disciplina transversal e estratéxica que pode estar presente en unha, en varias ou en todas as fases do proceso produtivo.

A que chamamos empresas activas en deseño?

As empresas que utilizan o deseño de forma importante nalguna das súas fases de produción.

A que chamamos empresas intensivas en deseño?

Aquelas empresas que utilizan o deseño como factor estratéxico, ou empresas que ofrecen servizos ou producen deseño.

Cal é a CNAE específica para o deseño?

A CNAE, a Clasificación Nacional de Actividades Económicas, ten como finalidade agrupar e clasificar os sectores produtivos. A referencia específica para as actividades de deseño especializado é a CNAE 7410.

A CNAE 7410 comprende:

  • O deseño de moda téxtil, de prendas de vestir, calzado, xoias, mobiliario e outros artigos de decoración interior, así como outros obxectos de moda, bens persoais ou para o fogar.
  • O deseño industrial, é dicir, a creación e o desenvolvemento de deseños e especificacións que optimizan o uso, o valor e a apariencia dos produtos, incluíndo as decisións sobre materiais, mecanismos, formas, cores e acabado das superficies do produto, tendo en conta as características e necesidades dos clientes, a seguridade, a demanda do mercado e a distribución, o uso e o mantemento.
  • O deseño gráfico.
  • A decoración de interiores.

Non comprende:

  • O deseño e a programación de páxinas web (CNAE 6201).
  • O deseño arquitectónico (CNAE 7111).
  • O deseño relacionado coa enxeñaría, é dicir, a aplicación das leis físicas e os principios da enxeñaría ao deseño de máquinas, materiais, instrumentos, estruturas, procesos e sistemas (CNAE 7112).

Que é o cálculo RODI?

O deseño debe ser considerado como un activo nos balances económicos. O RODI (Return On Design Investment) mide o retorno dun investimento en deseño na empresa. No caso do deseño non se trata de medir exclusivamente o retorno económico senón que temos que introducir outro tipo de variantes como poden ser: o posicionamento, a notoriedade, a mellora de servizo, a satisfación do cliente, etc.

Que é o briefing de deseño?

O briefing é un documento que recolle a información necesaria para abordar a encarga. Ten que contemplar a información básica da empresa, do mercado e do proxecto. Adoita incluír os seguintes apartados:

  1. Historia da empresa
  2. Obxectivos
  3. Público ou publicos obxectivo​
  4. Descrición do traballo
  5. Beneficio clave
  6. Estilo e análise de proxectos similares
  7. Datos para o orzamento

Qué é a «chamada a proxecto»?

Trátase dunha convocatoria para a contratación de servizos no ámbito do deseño (habitualmente para encargos de contrato menor).

A participación está aberta a profesionais e empresas de deseño. As candidaturas valóranse en función da mostra de traballos e méritos, acorde a criterios definidos nas bases. A valoración realízaa un comité integrado na súa maioría por profesionais, no que tamén se conta con responsables da encarga.

O comité entrega ao organismo responsable un documento de valoración con carácter non vinculante. Posteriormente, o organismo convocante adxudica a encarga.

Onde estudar deseño?

No ámbito ​da oferta p​ública, a formación específica en deseño dase a través ​das catro Escolas de Arte Superiores de Deseño que hai en Galicia: EASD Pablo Picasso en A Coruña, a EASD Mestre Mateo en Santiago de Compostela, a EASD Ramón Falcón en Lugo e a EASD Antonio Faílde en Ourense. Nelas pódese estudar as especialidades de deseño gráfico, interiores, produto e moda. A titulación que se adquire é equivalente á de grao universitari​o en Europa (Nivel 2 do MECES). Ademais está a Escola Universitaria de Deseño Industrial (EUDI) en Ferrol, adscrita a Universidade da Coruña, onde se obté​n o Grao de Enxeñería en Deseño Industrial e Desenvolvemento de Produto.

Existe tamén oferta, tanto de carácter público como privado, de Formación Profesional de Grao Superior e Medio, posgraos, cursos de especialización e mestrados en diferentes especialidades de deseño como o Mestrado de Moda (ESDEMGA) e o de Dirección de Arte da Universidade de Vigo, ou o de Enxeñería en Deseño Industrial da EUDI en Ferrol. Recomendamos consultar esta guía formativa de La Voz de Galicia para coñecer a oferta educativa en Galicia.

Como abordar a contratación dun proxecto de deseño?

Dependendo das necesidades que se teñan, unha empresa pode contratar deseñadores e deseñadoras para formar parte do seu cadro de persoal, servizos externos de deseño para proxectos concretos, ou como unha extensión máis da empresa. Nesta última opción, realízase un contrato​​ entre ambas partes que define a encarga, os tempos de execución, o orzamento e as formas de pagamento. Cando o traballo é continuado, pode traballarse cunha tarifa mensual para desenvolver os traballos de deseño que a empresa precisa por un tempo determinado.

​A administración pública pode contratar profesionais do deseño para proxectos concretos, de forma directa ou mediante a fórmula da ​«chamada a proxecto». Os concursos abertos de deseño, non profesionais, mal definidos e non remunerados adecuadamente, non poden considerarse como fórmula de contratación para solventar un problema de deseño.

Onde buscar profesionais de deseño?

Na páxina web da Asociación Galega de Deseño DAG​​ podes atopar un directorio de profesionais do deseño con experiencia en diferentes disciplinas; incluso consultar algúns proxectos​ e enlaces que poidan orientar a selección.

A web do Mapa de Provedores de Deseño, desenvolvida pola Xunta de Galicia a través da Axencia Galega de Innovacion, GAIN, inclúe tamén empresas e profesionais do deseño con perfís definidos e permite a busca por disciplinas.

Cando o proxecto require profesionais colexiados, como é o caso do deseño de interiores, pódese consultar co Colexio Oficial de Deseñadores de Interiores de Galicia sobre os e as profesionais asociadas.

Que é a escaleira do deseño ou Design Ladder?

A escaleira do deseño (Design Ladder) é unha ferramenta presentada desde o Danish Design Center para ilustrar e clasificar o uso do deseño nas empresas. Establece catro niveis: nivel 1, nivel de non deseño, non se considera relevante para a empresa nin se aplica; nivel 2, o deseño é considerado soamente como un aspecto estético; nivel 3​, o deseño aplí​c​ase como un proceso desde o comezo para resolver un problema; e o nivel 4, onde o deseño é considerado como un elemento estratéxico integrado na organización.​​

Descargar informe ↓