Preguntas frecuentes
A que chamamos deseño?
O deseño, a través de ideas e procesos, busca solucionar problemas que poidan mellorar a vida das persoas. Configúrase coma unha disciplina transversal e estratéxica que pode estar presente en unha, en varias ou en todas as fases do proceso produtivo.
A que chamamos empresas activas en deseño?
As empresas que utilizan o deseño de forma importante nalguna das súas fases de produción.
A que chamamos empresas intensivas en deseño?
Aquelas empresas que utilizan o deseño como factor estratéxico, ou empresas que ofrecen servizos ou producen deseño.
Cal é a CNAE específica para o deseño?
A CNAE, a Clasificación Nacional de Actividades Económicas, ten como finalidade agrupar e clasificar os sectores produtivos. A referencia específica para as actividades de deseño especializado é a CNAE 7410.
A CNAE 7410 comprende:
- O deseño de moda téxtil, de prendas de vestir, calzado, xoias, mobiliario e outros artigos de decoración interior, así como outros obxectos de moda, bens persoais ou para o fogar.
- O deseño industrial, é dicir, a creación e o desenvolvemento de deseños e especificacións que optimizan o uso, o valor e a apariencia dos produtos, incluíndo as decisións sobre materiais, mecanismos, formas, cores e acabado das superficies do produto, tendo en conta as características e necesidades dos clientes, a seguridade, a demanda do mercado e a distribución, o uso e o mantemento.
- O deseño gráfico.
- A decoración de interiores.
Non comprende:
- O deseño e a programación de páxinas web (CNAE 6201).
- O deseño arquitectónico (CNAE 7111).
- O deseño relacionado coa enxeñaría, é dicir, a aplicación das leis físicas e os principios da enxeñaría ao deseño de máquinas, materiais, instrumentos, estruturas, procesos e sistemas (CNAE 7112).
Que é o cálculo RODI?
O deseño debe ser considerado como un activo nos balances económicos. O RODI (Return On Design Investment) mide o retorno dun investimento en deseño na empresa. No caso do deseño non se trata de medir exclusivamente o retorno económico senón que temos que introducir outro tipo de variantes como poden ser: o posicionamento, a notoriedade, a mellora de servizo, a satisfación do cliente, etc.
Que é o briefing de deseño?
O briefing é un documento que recolle a información necesaria para abordar a encarga. Ten que contemplar a información básica da empresa, do mercado e do proxecto. Adoita incluír os seguintes apartados:
- Historia da empresa
- Obxectivos
- Público ou publicos obxectivo
- Descrición do traballo
- Beneficio clave
- Estilo e análise de proxectos similares
- Datos para o orzamento
Qué é a «chamada a proxecto»?
Trátase dunha convocatoria para a contratación de servizos no ámbito do deseño (habitualmente para encargos de contrato menor).
A participación está aberta a profesionais e empresas de deseño. As candidaturas valóranse en función da mostra de traballos e méritos, acorde a criterios definidos nas bases. A valoración realízaa un comité integrado na súa maioría por profesionais, no que tamén se conta con responsables da encarga.
O comité entrega ao organismo responsable un documento de valoración con carácter non vinculante. Posteriormente, o organismo convocante adxudica a encarga.
Onde estudar deseño?
No ámbito da oferta pública, a formación específica en deseño dase a través das catro Escolas de Arte Superiores de Deseño que hai en Galicia: EASD Pablo Picasso en A Coruña, a EASD Mestre Mateo en Santiago de Compostela, a EASD Ramón Falcón en Lugo e a EASD Antonio Faílde en Ourense. Nelas pódese estudar as especialidades de deseño gráfico, interiores, produto e moda. A titulación que se adquire é equivalente á de grao universitario en Europa (Nivel 2 do MECES). Ademais está a Escola Universitaria de Deseño Industrial (EUDI) en Ferrol, adscrita a Universidade da Coruña, onde se obtén o Grao de Enxeñería en Deseño Industrial e Desenvolvemento de Produto.
Existe tamén oferta, tanto de carácter público como privado, de Formación Profesional de Grao Superior e Medio, posgraos, cursos de especialización e mestrados en diferentes especialidades de deseño como o Mestrado de Moda (ESDEMGA) e o de Dirección de Arte da Universidade de Vigo, ou o de Enxeñería en Deseño Industrial da EUDI en Ferrol. Recomendamos consultar esta guía formativa de La Voz de Galicia para coñecer a oferta educativa en Galicia.
Como abordar a contratación dun proxecto de deseño?
Dependendo das necesidades que se teñan, unha empresa pode contratar deseñadores e deseñadoras para formar parte do seu cadro de persoal, servizos externos de deseño para proxectos concretos, ou como unha extensión máis da empresa. Nesta última opción, realízase un contrato entre ambas partes que define a encarga, os tempos de execución, o orzamento e as formas de pagamento. Cando o traballo é continuado, pode traballarse cunha tarifa mensual para desenvolver os traballos de deseño que a empresa precisa por un tempo determinado.
A administración pública pode contratar profesionais do deseño para proxectos concretos, de forma directa ou mediante a fórmula da «chamada a proxecto». Os concursos abertos de deseño, non profesionais, mal definidos e non remunerados adecuadamente, non poden considerarse como fórmula de contratación para solventar un problema de deseño.
Onde buscar profesionais de deseño?
Na páxina web da Asociación Galega de Deseño DAG podes atopar un directorio de profesionais do deseño con experiencia en diferentes disciplinas; incluso consultar algúns proxectos e enlaces que poidan orientar a selección.
A web do Mapa de Provedores de Deseño, desenvolvida pola Xunta de Galicia a través da Axencia Galega de Innovacion, GAIN, inclúe tamén empresas e profesionais do deseño con perfís definidos e permite a busca por disciplinas.
Cando o proxecto require profesionais colexiados, como é o caso do deseño de interiores, pódese consultar co Colexio Oficial de Deseñadores de Interiores de Galicia sobre os e as profesionais asociadas.
Que é a escaleira do deseño ou Design Ladder?
A escaleira do deseño (Design Ladder) é unha ferramenta presentada desde o Danish Design Center para ilustrar e clasificar o uso do deseño nas empresas. Establece catro niveis: nivel 1, nivel de non deseño, non se considera relevante para a empresa nin se aplica; nivel 2, o deseño é considerado soamente como un aspecto estético; nivel 3, o deseño aplícase como un proceso desde o comezo para resolver un problema; e o nivel 4, onde o deseño é considerado como un elemento estratéxico integrado na organización.